| Páxina de recursos | Versión
orixinal publicada en quesabesde.com
© >> |
POSTERIZAR IMAXES
A posterización dunha imaxe é a reducción da sua gama tonal a unhas poucas cores planas, uniformes. Esta reducción, que nas máís das fotografías dixitais evitamos, pode facerse de xeito intencionado coas ferramentas Umbral e Posterizar, ou ben co modo de fusión de capas Mestura definida, dependendo do resultado que busquemos.
O termo posterizar fai referencia á cartelística. Aínda que os pósteres son carteis de base fotográfica que non teñen por qué presentar ningún efecto gráfico especial, foi unha característica deste xénero a creación de imaxes de tintas planas, con límites definidos.
A posterización foi no seu momento a solución formal ao uso da serigrafía e outras técnicas de impresión sen trama, acadando un tipo de imaxe gráfica pouco realista, mais dunha evidente forza e inmediatez comunicativa.
Decantar a escala de grises
Umbral é o comando co que podemos reducir unha escala de grises, pasando de 256 valores de luminosidade a dous: branco e negro. Logo da umbralización, cada píxel precisará un único bit para a sua caracterización, o que supón unha diminución drástica do tamaño informático da imaxe.


Imaxe orixinal (arriba) e versións umbralizadas cun valor de corte de 128 (centro) e 55 (abaixo).
Se aplicamos Umbral a unha imaxe RVA ou CMAN en Photoshop, o programa ignora as cores e parte directamente do valor medio de luz, como unha escala de grises. Sen embargo, podemos aplicalo en cada unha das canles de cor, seleccionándoos na paleta Canles. É o que fixémos nesta fotografía RVA:

Nótese cómo cada canle fica con dous valores, polo que as cores resultantes son oito (dous elevado a tres, que é o número de canles). Estas cores son a branca, a negra, as tres primarias (vermella, verde e azul) e as tres secundarias (cián, maxenta e amarela).
En PhotoPaint, por outra banda, a ferramenta é máis flexible e permite aplicar a posterización só cara o branco, o negro, ou nos dous sentidos, canle por canle e mesmo pode posterizarse somente un rango de valores na escala.
O comando Posterizar
Posterizar pode considerarse unha variante da ferramenta Umbral, que permite reducir a escala de valores a un número calquera entre 2 e 255. Posterizar 2 é o mesmo que aplicar Umbral, e posterizar 255 non ten nengún efecto. Visualmente, é difícil que notemos o efecto dunha posterización por enriba de 35 ou 40.

Vexamos agora a mesma foto posterizada a 5 valores. Están distribuidos espacialmente, aínda que naturalmente cada grupo ten diferente número de píxeles:

Umbralización parcial
As últimas versións de Photoshop incorporan un novo modo de fusión de capas denominado Mestura definida. O seu efecto é precisamente o de umbralizar a capa inferior, mais o feito de traballar con capas proporciona varias posibilidades interesantes, que ilustramos a continuación.

Variando o valor de gris da capa, por exemplo con Niveis, faise o resultado máis ou menos craro, xa que o corte para o umbral faise no valor inverso ao da capa. Deste xeito, se acraramos o gris o resultado é tamén máis craro, e viceversa. Poden aplicarse niveis canle por canle, para adaptar o corte ao valor que nos interese en cada un.

Esta propiedade pode servir para combinar a posterización cun degradado de cor:

O outro parámetro interesante é a opacidade da capa, que obviamente regula a intensidade do efecto. Vexamos o mesmo degradado con menos opacidade:

Isto significa que, empregando unha máscara de capa, poderíamos limitar a posterización a certas zonas, pintando na máscara. Neste derradeiro exemplo voltámos á cor gris media, pero aplicando un degradado de negro a branco na máscara de capa:
