PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►

 

AXUSTE DE NIVEIS

En moitos casos, as fotografías tomadas con cámaras dixitais ou escaneadas aparecen pouco contrastadas, excesivamente escuras ou claras. A ferramenta de axuste de niveis, disponible en Photoshop e noutros tantos programas de retoque dixital, axúdanos a distribuir correctamente os tons da imaxe. Salvo aqueles casos en que ista xa está moi empastada nos negros ou moi queimada nas luces, podemos acadar cun par de movementos melloras espectaculares.

Os programas de retoque adoitan ter opcións de axuste automático, pero un axuste de niveis manual é moi sinxelo e ofrece moitas máis posibilidades.

Observemos a seguinte imaxe e o seu histograma. Vemos que ten un contraste pobre, porque na escala de valores de 0 (negro, situado no extremo esquerdo do gráfico do histograma) a 255 (branco, no extremo dereito) non existen píxeles nos niveis máis escuros que o 18, nin tampouco por enriba do 174. En síntese, hai máis de 90 valores teóricos desperdiciados, e como se trata de valores extremos, o contraste é moi baixo.


n
Imaxe inicial con pouco contraste

n

Recorte dos valores de entrada
En Photoshop, a función Axustar niveis está no menú Imaxe. O comando actúa sobre unha copia do histograma con tres reguladores triangulares na base: un negro, outro gris e outro branco. Movendo o negro ata o extremo da montaña de píxeles, faremos que os píxeles máis escuros da imaxe se fagan negros.

n

Nun segundo movemento, movemos o regulador branco ata a ladeira dereita da montaña, descartando os valores máis altos existentes polo escaso número de píxeles que teñen.

n

n
A mesma imaxe logo de recortar os niveis de entrada

Isto que vimos de facer denomínase establecemento do punto negro e do punto branco, ou tamén recorte dos valores de entrada. Pódese facer intuitivamente cos reguladores, ou tamén con máis precisión escrebendo nas casiñas superiores os valores 18 e 175, previa lectura do histograma.

Isto é, aproximadamente, o que fai o comando Niveis automáticos, ao que tamén podemos acudir dende a ventá de Niveis co botón Auto.

O regulador gris axuda a equilibrar unha foto descompensada cara os tons escuros ou craros. Con el, decidimos qué grupo de píxeles debe desprazarse ao nivel medio de luz. Aínda que a nosa imaxe de exemplo non está moi desequilibrada, é frecuente, ao escanear opacos, que as zonas de sombra perdan detalle.

Esta carencia pode compensarse movendo o regulador gris á esquerda, achegándoo un pouco ao valor promedio. Así, o grupo de píxeles sinalado pasará do valor 128 ao 105, aproximadamente. Lembremos que a casiña do valor gamma indica un valor logarítmico maior que 1 (positivo), cando aclaramos os tonos medios como agora, ou menor que 1 (negativo), cando os escurecemos.

n

n
Resultado final do axuste

Recorte dos valores de destiño
Os reguladores da barra inferior, por outro lado, serven para limitar a gama tonal cando non interesa que chegue ao negro e ao branco absolutos. Se recortar valores de entrada dá máis contraste á imaxe, recortar os de saída ou de destiño ten o efecto contrario.

Se queremos a imaxe somentes para visualizala na pantalla do ordenador, non é habitual empregar esta función. Os impresores, nembargantes, din que é beneficioso realizar un recorte do 4 ou o 5% en tintas en cada extremo, ou duns 10 valores de luz (axustando o rango entre os valores 10 e 245). Evítase, deste xeito, o efecto banda na impresión, unha fronteira molesta entre as zonas que non reciben ningún punto de tinta e as que reciben moi poucos.

Outra situación propicia para recorrer a un recorte dos niveis de saída é cando se quere obter unha imaxe pouco contrastada que sirva de fondo a outro elemento, como un texto.

n n

Para un axuste manual máis fino da cor hai tres pipetas ou contagotas no cadro de niveis. Pulsando sobre a foto, a negra e a branca indican os píxeles de referencia que deben pasar a negro e a branco.

A gris, pola contra, non actúa sobre a luminosidade. Está pensada para axudar a anular as dominantes de cor pulsando sobre aquela zona da foto que sabemos que debería amosar un ton neutro. Cando utilicemos esta pipeta só veremos cambios de cor, xa que iguala os valores RVA (RGB) do píxel indicado a o seu nivel medio de luz e arranxa o histograma de cada canle para que coincidan os tres ao pasar por ese nivel. É unha opción delicada que funciona mellor cando a mostra é dun valor medio, isto é, nin moi escura nin moi crara.

 

PÁXINA DE RECURSOS   En castellano ►